Saltar navegación

En breve

página de inicio ayuda (guía de consulta) buscar descargar (pdf) imprimir broken link

 

 

cita ENG Galician CAT Gallec EUS Galiziako POR Galego SPA Gallego

 

 

origen  orixe

As primeiras comunidades que habitaron a Galicia prehistórica e conformaron a cultura castrexa ata a ocupación romana (s. II a. C.) denomínanse kallaikoi. A lingua galega é o resultado da presenza latina que deu lugar a unha valiosa produción lírica na Idade Media. Tras séculos de represión e silencio, a creación literaria rexorde no XIX, grazas ao pulo dos movementos galeguistas e nacionalistas. A lingua e a cultura galegas permanecen vivas na actualidade no interior do seu territorio autónomo dentro do Estado español.

 

resumen  resumo

A tradución no ámbito galego alude á produción traducida dende e cara á lingua galega como resultado dunha realidade cultural autónoma e diferenciada.

Os primeiros textos documentados en lingua galega proceden do s. XII. Trátase de cantigas de amor, de amigo, de escarnio e maldicir. A aparición da prosa narrativa data de séculos posteriores (XIV e XV), cando se traducen, sobre todo dende o latín, importantes obras historiográficas que se conservan en forma moi fragmentada. Dende o século XVI ata o XIX apenas se escribe en galego e non é ata mediados do XIX cando aparecen de novo as traducións: textos bíblicos, parte da literatura latina clásica e breves pezas literarias románticas ou costumistas.

A guerra civil e a posterior ditadura franquista paralizaron radicalmente calquera publicación en galego e detiveron o proceso de tradución iniciado en etapas anteriores. Así que non é ata ben entrados os anos 80 do século XX cando a tradución á lingua galega dá un salto cuantitativo e cualitativo, co apoio da lexislación normalizadora e sobre todo do compromiso dun sector civil na recuperación da igualdade e dos dereitos democráticos.

A análise dos datos da produción traducida recollidos desde principios do século XXI precisa do contexto que rodea a motivación da encarga, do propio proceso e mesmo do resultado da tradución. Trátase de elementos dispares, como o prestixio da lingua, a autoría da tradución ou do texto orixinal, o papel e a ideoloxía dos distintos actantes que median, as casas editoras, os circuítos de difusión etc.

En xeral, tradúcese o que se considera innovador, pero o fenómeno das importacións, así como o das exportacións, que repunta no ámbito galego a principios do novo milenio, con comportamentos ben diferenciados, ten a súa orixe en diversos factores que van dende as motivacións persoais ata intereses socio-políticos ou económicos coxunturais.

 

ficha   ficha

autor Ana Luna Alonso
fecha de publicación 2022
referencia (cómo citar) Luna Alonso, Ana. 2022. "Galego. Historia da tradución" @ ENTI (Enciclopedia da tradución e interpretación). AIETI.
DOI https://doi.org/10.5281/zenodo.6366959
URL estable https://www.aieti.eu/enti/galicia_GLG/