Saltar navegación

En breve

home page help (reference guide) search download (pdf) print broken link

 

 

citation ENG Literary translation from Galician CAT Literatura traduïda del gallec EUS Galegotik itzulitako literatura POR Literatura traduzida do galego SPA Literatura traducida del gallego

 

 

 summary  resumo

A difusión da literatura galega remite ás traducións que se dirixen ó espazo internacional e estatal. Obedece a dinámicas que varían en función da cultura meta, así como das circunstancias sociopolíticas.

A partir da cooficialidade do idioma galego (1981), a importación de textos en tradución galega arranca con ímpeto. A exportación de textos galegos, en cambio, acontece cunha menor intensidade e cun efecto retardado, pois só gaña especial visibilidade a partir da década dos 90.

Nos anos 1975 a 2020, o 70% de tódalas traducións de obra galega prodúcese para o mercado editorial español (especialmente cara ó castelán e catalán), das que máis da metade se dirixe a un público infantil e xuvenil. En canto á exportación a culturas estranxeiras, no entanto, a literatura infanto-xuvenil só suma un 36% das obras galegas que traspasan fronteiras. Do total das traducións internacionais, a maioría teñen como lingua meta o inglés, principalmente para o espazo británico.

As políticas culturais galegas deste período atravesan catro etapas. Durante a primeira (1975-1983) iníciase coa desaparición do ditador Franco un período de desenvolvemento cultural importante. A intelectualidade galega toma conciencia de que a tradución cara ó exterior constitúe un factor impulsor en termos de capital simbólico ademais de económico. A segunda (1984-2005) comprende os anos de recuperación da vida cultural galega, nos que destaca o papel dinamizador de múltiples asociacións e intelectuais preocupados pola difusión internacional da literatura galega. A terceira (2005-2009) caracterízase por unhas políticas culturais institucionais que avogan de xeito decidido por unha proxección exterior da propia cultura e identidade. Na cuarta etapa (2009-2020), fortemente afectada pola crise económica de 2008, dáselle parcialmente continuidade ás estratexias e ás subvencións á tradución editorial implantadas en 2007. Perdura a escasa visibilidade internacional da cultura galega, polo que varias voces reclaman reformula-las vías de proxección da literatura galega.

Esta entrada aborda os datos evolutivos da tradución da literatura galega dende 1975. Revísanse as principais iniciativas e estratexias de internacionalización, así como as políticas culturais de promoción exterior.

 

data sheet   record

author Silvia Montero Küpper
publication date 2024
reference (how to cite) Montero Küpper, Silvia. 2024. "Literatura traducida do galego (1975-2020)" @ ENTI (Enciclopedia de traducción e interpretación). AIETI.
DOI https://doi.org/10.5281/zenodo.10944137
URL stable https://www.aieti.eu/enti/galicia_lit_outwards_GLG

 

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)