Saltar navegación

Entrada

home page help (reference guide) search download (pdf) print broken link

 

 

citation ENG Literary translation from Galician CAT Literatura traduïda del gallec EUS Galegotik itzulitako literatura POR Literatura traduzida do galego SPA Literatura traducida del gallego

 

 

 

contidos
Introdución | Edición e tradución de literatura galega | Políticas culturais e vías de internacionalización | Potencial para a investigación

 

Introduction  Introdución

A difusión da literatura galega remite ás traducións que se dirixen ó espazo internacional e estatal. Obedece a dinámicas que varían en función da cultura meta e das circunstancias sociopolíticas do propio sistema literario de partida, así como do comportamento do mercado global, na medida en que a selección, produción e recepción de traducións literarias dependen en gran medida do mercado e das políticas editoriais.

O feito de que unha obra literaria se traduza significa que se recoñece a súa identidade cultural así como a súa lexitimidade para o intercambio cultural e a transmisión de ideas, estéticas e produtos. No caso de culturas subalternas, como a galega, que convive coa hexemónica española, a difusión da súa literatura en tradución constitúe un elemento importante para reforza-la propia cultura e a conciencia identitaria.

A tradución, sobre todo a unha lingua dominante, non só comporta a proxección da propia cultura, senón que tamén implica un recoñecemento externo dos seus textos (Casanova 2002). Por tanto, ademais de incidir no capital económico e no acceso ó mercado literario internacional, a tradución de obra galega a outras linguas supón a acumulación de capital simbólico, xa que contribúe a aumenta-lo seu prestixio e a descubrir e afirma-la súa alteridade fronte á cultura hexemónica. A difusión da obra galega en tradución favorece, pois, unha maior visibilidade internacional, que reforza a identidade cultural e abre portas para acceder ó mercado literario internacional.

Así a todo, a proxección da literatura en tradución non garante nin un intercambio con outros sistemas literarios, nin a recepción da cultura traducida, nin unha percepción intencionada ou desexada pola cultura emisora. Isto depende de factores como os criterios de selección das obras, as estratexias de tradución, da tolerancia cara a traducións mediadas, da economía do mercado entre outros.

cabeceira

[heading title] Edición e tradución de literatura galega

A edición en galego

O ano 1975 marca o inicio da recuperación do sistema cultural galego contemporáneo. A morte do ditador e o cambio político de España, coa transición á democracia, posibilita o (novo) Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, que recoñece a cooficialidade que o galego, como lingua propia de Galicia, comparte coa lingua castelá. A entrada en vigor da Lei de normalización lingüística (LNL) en 1983 dota a lingua galega dunha base legal e desencadea unha elevada demanda, en primeiro lugar para o ensino, de textos en lingua galega, que o sector editorial soubo satisfacer con edicións propias e traducións cara ó galego, sobre todo de textos españois.

A Gráfica 1 amosa a evolución da edición en lingua galega dende 1975 ata 2020 (gráfica elaborada segundo os datos da Agencia Española del ISBN (anos 1975-1995), do Ministerio de Cultura (anos 1982-2015) e CULTURABase (anos 2000-2020):

Grafico_outwards_GLG1

A consolidación e as creacións de novas editoriais galegas nestes anos permiten unha recuperación e un florecemento da literatura galega anteriormente descoñecida. A partir dos anos oitenta do século XX e, con maior énfase, ó longo dos anos noventa, o número de libros editados en galego vaise incrementando de maneira considerable. A actividade editorial galega experimenta unha intensificación dende principios do século XXI ata o ano 2010, cando a edición en lingua galega alcanza 2.544 títulos anuais, un 2,2% do volume publicado no Estado español (Ministerio de Cultura 2011: 112). Estas cifras inclúen todo tipo de texto publicado en lingua galega en soporte papel ou dixital (traducións e creación orixinal).

Nos anos posteriores, a crise económica de 2008 tamén repercute no sector do libro o que leva a unha marcada tendencia á baixa do volume total das publicacións anuais galegas, que se reduce á metade. Despois de 2013, ano no que a edición en galego toca fondo, as cifras de edición mantéñense por debaixo mesmo das rexistradas para os primeiros anos do século XXI, representando tan só un 1,6% da edición total española para a década 2011-2020  (CULTURABase s. d.). Trátase, no entanto, dunha evolución que tamén se constata no ámbito editorial das outras culturas do Estado (Comellas 2016: 134; Montero 2019: 451s.), mais que ten un impacto maior no volume das traducións ó e do galego.

A tradución da literatura galega

A panorámica dos fluxos de tradución que se expón a seguir toma como referencia a información que proporciona a base de datos BITRAGA, en constante actualización, que rexistra as traducións publicadas do e ó galego en formato libro.

En paralelo á edición, a actividade tradutora de textos galegos foi aumentando de maneira exponencial dende a aprobación da LNL. Agora ben, a difusión da literatura galega en tradución acontece cun efecto retardado e é de menor intensidade que a tradución ó galego, que xa arrinca con ímpeto nos anos oitenta (véxase a Gráfica 3). De feito, habería que esperar ata mediados dos anos noventa, momento no que o sistema literario galego xa dispón dun volume considerable e renovado de creación propia, para que a literatura galega comezase a gañar máis visibilidade, nun primeiro momento no espazo editorial español (Luna e Galanes 2018) e, máis adiante, aínda que de xeito modesto, no internacional (Montero 2012).

A Gráfica 2 resume os datos absolutos de traducións de obra galega publicadas entre 1975 e 2020.

Grafica2outwardsGLG

En 2001 o número de traducións aumenta repentinamente e alcanza o seu punto máis álxido. Os anos sucesivos (2001-2006) rexistran unha media dunhas 100 traducións novas ó ano. Entre 1975 e 2020 publicáronse máis de 2.300 traducións de aproximadamente 1.300 obras galegas. O 95% destas traducións corresponde a textos literarios, cunha clara preferencia pola literatura infanto-xuvenil (LIX) vertida ó castelán (21% do volume total das traducións literarias), especialmente nas primeiras décadas aquí rexistradas. A LIX traducida presenta o 53% de media sobre o total das traducións de obra galega recollidas en BITRAGA para os anos 1975-2020. A partir do ano 2007 iníciase un declive da actividade tradutora dende o galego, que só a partir de 2019 comeza a remontar de xeito tímido. Os altibaixos que se observan na Gráfica 2 pódense relacionar en parte coas políticas institucionais de fomento da tradución e en parte coa situación económica e política en España e Galicia nos anos referidos. A Gráfica 3 compara a evolución cuantitativa das traducións do e ó galego entre os anos 1975 a 2020 e revela o intercambio claramente desigual.

Para coñece-los fluxos de tradución e difusión da literatura galega resulta pertinente diferenciar entre traducións a linguas do Estado español (tradución intraestatal) e aquelas que se dirixen a comunidades culturais estranxeiras. A tradución intraestatal cara a outras linguas subalternas de España (por exemplo, asturiano ou éuscaro) supón certo recoñecemento da cultura galega, mais estes transvasamentos non contribúen directamente á súa internacionalización. A tradución ó castelán, ó sistema dominante español, en cambio, comporta unha ampla recepción en España, á vez que favorece, debido á súa posición máis vantaxosa no campo literario internacional, que a obra trasladada adquira visibilidade alén das fronteiras. Estas traducións ó castelán fomentan, así mesmo, a recepción destas obras en Hispanoamérica, debido, ademais, á participación asidua das editoras galegas nas feiras do libro hispanoamericanas.

As traducións españolas, especialmente cando son publicadas en grandes editoriais, funcionan a miúdo como trampolín para comercializa-los títulos de orixe galega fóra do Estado. Téñase en conta, non obstante, que esta práctica orixina unha falta de inmediatez que carrexa unha neutralización no espazo intraestatal e internacional das singularidades culturais que compoñen o Estado español, alén de implicar unha apropiación por parte do campo literario dominante español (Luna 2019: 43; Montero 2012: 61).

Grafico3outwardsGLG

Nos anos 1975­-2020, o 70% das traducións de obra literaria galega prodúcese para o mercado español, maiormente en castelán.

Destas, só o 43% corresponde a literatura para adultos. Canto á exportación a culturas estranxeiras, que suma un 30% de tódalas traducións literarias, a frecuencia relativa con respecto ó grupo destinatario etario invértese: a LIX galega traducida representa unicamente un 36% das obras galegas que traspasan fronteiras. Destaca, ademais, que a literatura para adultos (LIT) acada un número de espazos internacionais superior á LIX traducida. Dende 1975, a difusión da literatura galega en linguas estranxeiras foi gañando terreo en termos absolutos e, sobre todo, relativos: Nos primeiros tres lustros, a porcentaxe de traducións literarias (LIX e LIT) para culturas estranxeiras representa unha media dun 18% sobre o volume total de traducións. Nos anos 1991 a 2005 esta media ascende a un 25%, e para os últimos tres quinquenios (2006-2020) as traducións interestatais supoñen unha porcentaxe do volume total dos textos vertidos a outras linguas que oscila entre o 39% e o 43%.

Para os anos 1975-2020 rexístranse traducións literarias que se dirixen a 52 espazos culturais que se expresan en 40 linguas diferentes. Dous terzos das relacións cos espazos interestatais establecéronse a partir de finais do século XX (Luna e Galanes 2018: 190).

O espazo cultural preferente para as traducións sempre foi o español (cun total de case 1.000 publicacións); séguenlle, cunha intensidade moito máis moderada, os espazos culturais catalán con case 300 rexistros, o vasco e británico con preto de 200 rexistros respectivamente, o portugués e italiano con máis de 100 traducións cada un e, con menos de cen traducións, o francés. Nos mercados editoriais xermanófono, ruso e brasileiro a literatura galega non está tendo unha repercusión destacable. Nas outras culturas receptoras, entre as que figuran comunidades con linguas sen Estado ou minoritarias (aranés, asturiano, bretón, esloveno etc.) e linguas hexemónicas, aínda que periféricas pola súa reducida participación no mercado de tradución mundial (árabe, chinés ou xaponés), a recepción da literatura galega ten carácter anecdótico ou mesmo se trata de incursións puntuais coma no caso das comunidades kurda, hebrea e sarda entre outras.

A Gráfica 4 visualiza a participación das diferentes culturas receptoras que traducen obra galega. Exclúense para o cómputo as traducións ó latín e esperanto, así como as traducións que promove e ofrece o propio sistema de partida galego coa intención de visibiliza-la literatura galega nun espazo internacional, xa que estas traducións non resultan dunha demanda formulada dende a cultura meta. No caso do espazo británico, o volume de tradución representado non é exacto, xa que algunhas editoriais que aquí se inclúen (v. Small Stations Press) actúan de maneira marcadamente global.

Grafica4outwardsGLG

Da suma total das traducións para os espazos internacionais, a maioría ten como lingua meta o inglés. Mais isto non sempre foi así: a distribución das linguas e culturas de destino preferidas foi cambiando ó longo das décadas en función das iniciativas de fomento e políticas de tradución institucionais e editoriais, entre outras razóns. Ata finais da primeira década do século XXI, dominaban as traducións ó portugués (sobre todo libros infanto-xuvenís), seguido das traducións ó inglés, italiano, francés e alemán. No período 2011-2020, porén, a maioría das traducións interestatais realizáronse cara ó inglés (máis de 90 títulos), principalmente para o Reino Unido, pero tamén para Estados Unidos, Canadá e Irlanda, seguidas do italiano, portugués e francés (uns 20 títulos cada un), así como búlgaro, ruso e alemán (entre 5 e 10 títulos cada un) como linguas de destino.

Cabe sinalar que máis da metade dos case 130 títulos galegos que dende 2010 recibiron unha subvención á tradución da Xunta de Galicia corresponde a traducións ó inglés. Moitas destas traducións non se dirixen a un ámbito receptor concreto, pois forman parte das estratexias de internacionalización do Goberno galego que subministra estes textos para que funcionen como versións ponte dirixidas a varios espazos lingüísticos e culturais.

Traducíronse textos de autorías de diferentes épocas e estilos, entre elas Alfonso X o Sabio (1252-1284), Rosalía de Castro (1837-1885), Manuel Curros Enríquez (1851-1908), Xosé Luís Méndez Ferrín (1938), Pilar Pallarés (1957), Chus Pato (1955), Teresa Moure (1969) ou Yolanda Castaño (1977). Entre a LIX, que circula sobre todo no ámbito ibérico, figura Agustín Fernández Paz (1947-2016), Paula Carballeira (1972) ou Ledicia Costas (1979), entre outras. A LIX que máis circula fóra de Galicia, leva a sinatura de Fina Casalderrey (1951) e Agustín Fernández Paz (máis dun centenar de traducións), así como de Marisa Núñez Álvarez (máis de 80), entre outras. Con todo, moitas destas autorías só se traduciron a linguas españolas polo que apenas teñen repercusión no estranxeiro. A maioría das obras exportadas son textos narrativos contemporáneos para un público adulto.

Rosalía Zernova Dunne

Rosalía de Castro, s. d.

Elena Zernova, tradutora ó ruso de literatura galega (Foto: UVigo) Jonathan Dunne, editor e tradutor de literatura galega ó inglés

Algúns títulos galegos foron traducidos para máis de 20 espazos culturais, por exemplo Memorias dun neno labrego (1961, Xosé Neira Vilas, 1928-2015) e O lápis do carpinteiro (1998, Manuel Rivas, 1957). A obra de Rivas, que conta con máis de 100 traducións (dunhas 25 publicacións galegas), é a que, ata a data, maior interese pola literatura galega suscitou, primeiro no Estado español (en castelán) e máis adiante no exterior. Séguenlle, a bastante distancia cun volume de entre 26-50 traducións, Suso de Toro (1956), Rosalía de Castro, Xosé Neira Vilas, Carlos Casares, Álvaro Cunqueiro (1911-1981) e Domingo Villar (1971-2022). Mais unicamente Neira Vilas, de Castro e Villar tiveron unha recepción internacional que supera a vintena de traducións para diferentes espazos.

A difusión no estranxeiro da literatura para adultos depende en gran medida do circuíto académico galicianista que a principios dos anos 20 do noso século segue a actuar como mediador e mesmo tradutor: Jonathan Dunne (eng), Kathleen March (eng), Elena Zernova (rus), John Rutherford (eng), Takekazu Asaka (jpn), Attilio Castelucci (ita), entre outras. Resultan, así mesmo, relevantes o compromiso e o interese de editoriais independentes (cf., por exemplo, Palacios 2021) e as subvencións á tradución das entidades públicas internas e externas. Os criterios comerciais rexen no caso de obras que conten con certo éxito, concretamente no espazo español (por exemplo Manuel Rivas, Domingo Villar, Ledicia Costas; v. Luna 2021).

cabeceira

[heading title] Políticas culturais e vías de internacionalización

O proceso de difusión da literatura galega en tradución esbozado ocorre ó compás da evolución do mercado do libro galego, a situación política en España e Galicia, así como das súas respectivas políticas culturais. Segundo as posibilidades do momento, os esforzos para proxecta-la literatura galega focalizáronse en diferentes estratexias e actuacións. En termos xerais, estas estratexias buscan mellora-la visibilidade da cultura e literatura galegas ou dunha autoría en concreto, promovendo a súa difusión no exterior para fomenta-la tradución por demanda e conseguir unha maior presenza no mercado editorial internacional. O obxectivo é aumenta-lo capital simbólico da obra traducida e, en consecuencia, o seu capital cultural e económico.

As estratexias básicas que se complementan e que se puxeron en práctica con máis ou menos ímpeto e éxito nas diferentes etapas son:

  1. Proporcionar traducións a outras linguas de obras seleccionadas pola cultura orixe (galega) para visibiliza-la propia literatura.
  2. Visibiliza-la cultura e identidade galega para xerar unha demanda noutras culturas.

En función das políticas culturais e as principais iniciativas de promoción exterior da literatura galega esbózanse a continuación catro etapas.

Primeira etapa: 1975-1983

A primeira etapa, que comeza coa fin da ditadura, engloba os anos da Transición, os preautonómicos (1979-1981) e os da consolidación da Autonomía. Nestes anos, as políticas culturais céntranse na creación das institucións públicas que habían de velar pola cultura galega (Lage, Losada e Gómez 2012: 120) e promocionala. Durante esta época fúndase, entre outros, o Consello da Cultura Galega (CCG, 1983), cuxa constitución se prevé no artigo 32 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

A promoción da literatura galega no exterior é aínda escasa, xa que a preocupación se centra en reforza-lo repertorio literario en galego, e débese, sobre todo, a actuacións de asociacións, editoriais e intelectuais. Coa intención de estimula-la recepción intraestatal e internacional, constitúense a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG, 1980) e a Asociación Galega de Editores (AGE, 1983; a fundación da Federación de Gremios de Editores de España data de 1978). A partir de 1983 a LIX galega comeza timidamente a abrir camiño no mercado español, cando as editoriais A Galera, Galaxia e Elkar (catalá, galega e vasca, respectivamente) retoman a súa práctica de coedición iniciada nos anos sesenta (aínda que con interrupcións), mais nos que dominaba a LIX catalá (Domínguez 2021: 191). Con todo, a débil estrutura do sector editorial galego, que maiormente se compón de pequenas editoriais con limitados recursos, non habería de alcanzar en termos xerais (con algunhas excepcións como as editoras especializadas en LIX Kalandraka ou OQO) unha folgura económica que lle permitise negociar con dereitos de tradución e participar de xeito activo en dinámicas de difusión internacional. A actividade tradutora de obra galega dende espazos externos resulta ocasional; trátase en moitos casos de poesía ou narrativa fragmentaria publicadas en revistas. Así a todo, a intelectualidade galega era consciente de que a tradución exterior constituía un factor impulsor en termos sobre todo de capital simbólico, mais tamén económico, en prol da normalización cultural galega. Algúns críticos literarios comprometidos, como Xesús Alonso Montero ou Basilio Losada, entre outros, verten obras literarias consagradas galegas á lingua do sistema dominante, o español.

Nesta mesma liña, o escritor Carlos Casares, presidente do CCG dende 1996 ata 2002, instaba as autorías galegas a optar de maneira sistemática pola proxección da cultura galega a través da autotradución ó castelán para, deste xeito, supli-la ausencia dunha política de promoción exterior (Casares 1979; Rodríguez 2016: 334).

Segunda etapa: 1984-2005

Esta etapa arrinca coa recuperación da vida cultural en galego, unha vez que xa se dispón dun marco legal propicio, especialmente dende a promulgación da LNL (1983). Con todo, nesta etapa, o foco da política cultural institucional en Galicia descansa no consumo de masas e mais no turismo (Lage, Losada e Gómez 2012: 123).

O intenso fluxo de traducións que se inicia (principalmente de traducións cara ó galego) favorece a internacionalización das formas e contidos literarios. Son anos fundacionais que se prolongarían ata a década dos noventa, e que constitúen o punto de partida para un intercambio (se ben desigual) con outros sistemas literarios.

March
Kathleen March, 2010 (Foto: Arquivo AELG -  Santos-Díez)

Destaca o papel dinamizador de múltiples asociacións, así como de persoas do ámbito académico galego e internacional. A hispanista estadounidense Kathleen March, por citar un exemplo, funda en 1982 a Galician Studies Association (a partir de 1991  Asociación Internacional de Estudos Galegos, AIEG), que dende 1985 celebra congresos trianuais. March tamén destaca polo seu incansable empeño por promociona-la literatura galega en EUA con traducións de obra clásica e contemporánea, ademais de achegas científicas. Tamén o PEN Clube de Galicia (1989) tratou de supera-la invisibilidade da literatura galega ofrecendo, en 1993, entre outras actividades, versións inglesas (editadas en Galicia) de prosa e poesía galega contemporánea (1993), ás que lles seguirían unha antoloxía poética (2001) e outra de narrativa (2005).

Naqueles anos os esforzos de internacionalización concrétanse, así mesmo, no continuo compromiso de intelectuais como Casares que acudía a congresos (Galáns 2018: 32), visitaba as feiras internacionais do libro e participaba en festivais ou encontros literarios en todo o mundo que aproveitaba para contactar con profesionais da tradución literaria e impulsar proxectos de tradución. O compromiso de Casares, así como doutras persoas intelectuais daqueles anos, proporcionou unha base sólida para posteriores reivindicacións sociopolíticas e culturais enfocadas á proxección da literatura e cultura galegas.

Unha estratexia de internacionalización desta etapa segue a se-la autotradución, ou tradución por encargo da propia autoría, á lingua hexemónica castelá a fin de garantir unha maior recepción. De feito, aínda en 2020 considérase a miúdo imprescindible contar cunha versión española ou cunha tradución a unha lingua central, como a inglesa, para que unha cultura periférica poida acceder ó mercado de tradución internacional. Agora ben, as versións españolas teñen un prezo: debido á falta de inmediatez, o contexto cultural orixinal fica, a miúdo, invisibilizado tanto a nivel paratextual coma textual. Son, sobre todo, as autotraducións as que máis afectadas resultan, pois estas considéranse textos orixinais e como tales acóllense na cultura meta. 

Congreso galaico-tedesco Griffone
Edición italiana (1989), traducida por Giuseppe Tavani, de Xa vai o Griffon no vento

Durante estes anos moitas traducións realízanse por afinidades persoais ou razóns académicas, e non logran converterse en referentes eficaces para a proxección internacional da literatura galega. Iso require unha estratexia de internacionalización sistemática e coordinada, que só comeza a se perfilar a partir do ano 2006. A ausencia dunha política de tradución institucional repercute, así mesmo, nas subvencións públicas galegas á tradución, cuxas convocatorias dos anos 1987 a 2006 incluían indistintamente a edición do libro galego en xeral, como a importación e exportación a través de traducións.

Dende 1984 o Estado español, a través do Ministerio de Cultura, convoca axudas á  tradución e edición en linguas estranxeiras de obras literarias españolas redactadas en calquera das linguas oficiais do Estado. A primeira subvención adxudicada a unha obra galega concedeuse en 1987 para verte-la novela Xa vai o Griffon no vento (1984) de Alfredo Conde ó italiano.

A estas axudas súmanse, dende 1986, as subvencións á tradución ó castelán de obras escritas noutras linguas oficiais do Estado, que a partir de 1991 se converteron en axudas para a tradución entre tódalas linguas cooficiais. En 2012 esta liña de subvencións ficou interrompida ata a súa nova convocatoria no ano 2021.

Terceira etapa: 2005-2009

Este período coincide co do goberno galego de coalición (2005-2009) entre os socialistas (PSdeG) e nacionalistas galegos (BNG), de corte esquerdista, que avoga por unha proxección exterior da propia cultura e identidade. As políticas culturais desta etapa son favorables ó sector creativo, que conta cun importante apoio loxístico e económico da Xunta (Lorenzo 2017). As institucións públicas perseguen decididamente consolida-lo sistema cultural galego e reforza-las industrias culturais (Lage, Losada e Gómez 2012: 143). Iníciase unha fase de explícita cooperación da Consellería de Cultura coas asociacións profesionais do sector cultural e a industria do libro, á parte de contar con asesoramento e colaboración dende o ámbito académico. No que ó libro galego se refire, este propósito plasmaríase na aprobación da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia que prevé, entre outras actuacións, o apoio á tradución. En 2007, a Administración galega convoca por vez primeira subvencións para financiar exclusivamente a tradución editorial do e ó galego (Verdugo 1998). Ademais destas axudas destaca o apoio pecuniario e loxístico institucional para acudir ás feiras internacionais do libro (FIL) europeas e hispanoamericanas máis importantes. Refórzase así a presenza de diferentes axentes do libro galego en importantes espazos internacionais de negocio ós que algunhas editoriais galegas (Galicia Nova, OQO, Kalandraka, por exemplo) xa teñen acudido. As FIL de Frankfurt e de Boloña e tamén a LIBER convértense en citas rutineiras, igual que as de Guadalaxara, Montevideo, Bos Aires e A Habana. A FIL de Bos Aires resulta especialmente interesante pola importancia histórica da emigración galega en Arxentina, mentres que a de Guadalaxara en México é a máis importante para este mercado cultural iberoamericano. A presenza de Galicia en 2008 como convidada de honra na FIL da Habana constitúe un importante fito sociopolítico. Así a todo, non sería ata 2016 que Galicia —a través de Santiago de Compostela, que participa como cidade convidada na FIL de Bos Aires— volvería gozar desta oportunidadeOutras medidas de corresponsabilización entre administración e sector editorial para a promoción exterior do libro galego son a creación do portal en liña Galician Books, a revista multilingüe Praza das Letras, os catálogos de editoras Galician Publishers e de dereitos Readgalicia.com, que incluía fragmentos de obra literaria en inglés. Co cambio de goberno en 2009 estas plataformas desactiváronse e varias iniciativas de proxección cultural quedaron anuladas (Montero 2013).

Cuarta etapa: 2009-2020

O inicio desta etapa coincide coa volta e permanencia do Partido Popular ó Goberno galego. A crise financeira de 2008 carrexou profundos recortes en educación e cultura, que inicialmente tamén atinxen as subvencións da Xunta de Galicia para a tradución dende e ó galego. Especialmente a partir de 2014 constátase unha diminución significativa da actividade tradutora no ámbito editorial. Nas políticas culturais públicas prodúcese un cambio sistémico en canto ás dinámicas de traballo e vai parello dunha redución das actuacións consensuadas cos respectivos sectores (teatro, música, editoras, autorías, investigación, asociacións do gremio etc.).

As convocatorias de axudas á tradución (omitidas en 2009) revísanse con periodicidade a fin de detallar e reformula-los criterios de valoración que ata 2009 eran sucintas e imprecisas. A revisión das convocatorias busca garantir unha asignación de fondos públicos obxectiva e de acordo con criterios de calidade. Porén, o esforzo burocrático que supón, está a se revelar como un obstáculo difícil de superar para acadar unha internacionalización construtiva en termos de sostibilidade e diversidade.

A Consellería de Cultura da Xunta centra a súa promoción exterior da cultura e literatura galegas en programas de financiamento da tradución ou da promoción do libro: 

 

  • Convocatorias anuais de axudas á tradución.
  • Traducións por oferta, é dicir, impulsadas, financiadas e fornecidas pola cultura orixe, que, neste caso, carecen dunha demanda por culturas receptoras (v. tamén Dollerup 1997: 46, “[translation as imposition is] driven by the source culture”): véxase a edición da Anthology of Galician Literature 1196-1981 (2010) e 1981-2011 (2012), así como da colección Galician Classics, inaugurada en 2011 e editada en colaboración coa editorial Small Stations Press. Ata 2020 publicáronse cinco obras de poesía e dúas de narrativa dos séculos XIX e XX, entre cuxas autorías figura unha única muller, Rosalía de Castro.
  • Sitio web Portico of Galician Literature (dende 2012) que mostra extractos en inglés de obra literaria galega contemporánea. Este sitio web, coordinado polo tradutor e editor Jonathan Dunne (Small Stations Press), ofrece información sobre os dereitos de tradución e as axudas á tradución do Goberno galego.
  • Dende 2012, patrocinio do obradoiro internacional de tradución poética Con barqueira e remador, organizado por Yolanda Castaño, que se realiza anualmente en Galicia.
  • Colaboración con entidades públicas como o Instituto Cervantes ou os Centros de Estudos Galegos.
  • Dende 2019, subvencións anuais para persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras que acoden a festivais ou feiras internacionais do libro (FIL).
  • Presenza en varias FIL e apoio financeiro ás editoriais.

Estas estratexias de promoción da literatura galega veranse, ademais, completadas con outras iniciativas, como a creación da Residencia literaria 1863, ideada pola poeta Yolanda Castaño, que dende 2021 acolle a tradutoras ademais de escritores estranxeiros.

A Administración galega segue a lle proporcionar ás editoriais un espazo común nas feiras do libro de Boloña, Frankfurt, Bos Aires, Guadalaxara e a LIBER (Madrid/Barcelona), mais prescinden agora das FIL cubana e uruguaia. A súa presenza nas feiras caracterízase por un interese na promoción cultural, mentres que as editoriais as consideran en primeiro lugar un espazo de negocio (véxase, a modo de exemplo, a polémica entre a AGE e a Consellería de Cultura). Neste sentido as feiras da América Latina resultan de particular importancia, dado o gran número de persoas galegas na diáspora, especialmente en Arxentina (preto de 175.000), Brasil (preto de 50.000), Cuba, Venezuela e Uruguai (uns 40.000 respectivamente). Esta diverxencia de intereses leva a que cada vez máis editoras galegas participen nas FIL con caseta propia, co propósito de se internacionalizaren e exporta-lo seu produto e capital cultural. Do mesmo xeito, este sector busca reformula-los mecanismos de proxección e sistematiza-los esforzos que favorecen unha maior visibilización. A I Conferencia Internacional do Libro, que tivo lugar en 2011, deixou patente a súa preocupación. O encontro, organizado polo Cluster do Libro (constituído en 2010), céntrase na internacionalización da industria do libro, concretamente nos espazos hispanoamericanos e asiáticos.

On repeated occasions, the focus is placed on the convenience of the creation of a Central Book Trading Office, as an institution to coordinate dissemination activities for the Galician books (Bragado 2012; 2018). In addition, the meetings in which the publishing world participates, often with the support of the CCG (Encontro Festlatino 2012; As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional 2012; A internacionalización do libro galego 2018; The internationalization of Galician literature in English translation: new oportunities in a more welcoming Irish/British book market 2019) are useful to discover and point out different dissemination strategies.

Tense reclamado a conveniencia dunha Oficina do Libro Galego no Exterior, como entidade que coordine as actividades de difusión do libro galego (Bragado 2012; 2018). Ademais, os encontros nos que participa o mundo editor, a miúdo co apoio do CCG (v. Encontro Festlatino 2012; As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional; A internacionalización do libro galego, 2018; A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico en apertura, 2019) serven para descubrir e apuntar estratexias de difusión diferentes.

A pesar de tódalas actuacións levadas a cabo nestas décadas, perdura a escasa visibilidade internacional da cultura galega. Esta é a razón pola que varias voces do ámbito académico e editorial demandan reformula-las vías ou repensa-lo enfoque de proxección da literatura galega e das subvencións á tradución editorial (v. AGE, AGPTI, Castro 2021, March 2022, Montero 2013, entre outras).

Para lle conferir certa continuidade á tradución de literatura galega e conseguir un intercambio sostible que favoreza a diversificación de xéneros, autorías, temáticas etc. cómpre reforzar novas vías de difusión. Entre elas estaría a necesidade de reorienta-los criterios das traducións promovidas (e ofertadas) dende o sistema galego e ter moi en conta os intereses do sistema receptor.

cabeceira

 Research potential Potencial para a investigación

Dende finais do século XX, elabóranse catálogos de textos galegos vertidos a outros idiomas (Casares 2003; BITRAGA 2004) que teñen servido de punto de partida para valiosos estudos, na súa maioría dende unha perspectiva sociolóxica, sobre as relacións do sistema literario galego con outras culturas e literaturas. Contamos con traballos que focalizan nos xéneros literarios, autorías, tradutoras e outros intermediarios que participan nos circuítos de intercambio. Tamén se publicaron investigacións sobre autotradución, editoriais, relacións entre as literaturas ibéricas e políticas culturais, entre outras. Non obstante, cómpre unha actualización continua destas análises, ademais de profundar noutros aspectos e dinámicas verbo da tradución desta cultura periférica. Para avanzar na investigación da tradución de literatura galega sería indispensable completa-lo rexistro das traducións retrocedendo e avanzando no tempo. Trátase dunha tarefa complicada pola dificultade de localiza-las traducións de textos galegos publicadas no estranxeiro unha vez que non se dispón dun rexistro de vendas de dereitos de tradución. Tamén sería de interese analiza-la evolución das relacións entre o mercado, a industria do libro e as políticas culturais. Disto formaría parte, por exemplo, examina-lo retorno real das estratexias de promoción utilizadas nas feiras do libro.

Faltan aínda estudos sobre as ausencias (o que non se traduce), a recepción dos textos na cultura meta e a percepción externa da cultura galega ou dunha autoría determinada, especialmente no contexto das traducións mediadas. Finalmente, son enriquecedores os estudos de caso sobre o comportamento e as estéticas tradutoras dun espazo cultural concreto, ademais da análise dunha autoría ou obra traducida que poida complementa-los resultados de investigación acadados. 

cabeceira

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)