| ENG Literary translation into Galician CAT Literatura traduïda al gallec EUS Galizierara itzulitako literatura POR Literatura traduzida para o galego SPA Literatura traducida al gallego |
contidos
Introdución | Panorámica xeral da tradución galega contemporánea | Os públicos e xéneros da tradución galega contemporánea | Fase comercial. Consolidación do sistema galego de tradución (1975-2000) | A tradución no novo milenio | A modo de conclusións | Potencial para a investigación
A historia da cultura e da lingua está vinculada ao desenvolvemento da súa literatura, que é obxecto privilexiado na súa transmisión. As condicións sociopolíticas de cada comunidade cultural teñen o seu reflexo na produción do catálogo literario, na constitución do seu canon e tamén na súa difusión interna e externa.
Os sistemas literarios importan, e polo tanto, traducen, aquelas obras que se consideran necesarias para a súa configuración. En palabras de Even-Zohar (1999: 225), introducen a través da tradución unha novidade destinada a cubrir unha lagoa de produción ou a reforzar un determinado discurso. Esa necesidade, que pode cambiar en cada momento, é aínda máis perentoria na importación de traducións por parte dunha cultura en proceso de normalización. Como se fai ese intercambio, a que necesidades responden esas traducións, quen as realiza, quen as edita, as condicións de partida da cultura orixinal e da cultura meta, a política institucional de tradución (ou a súa ausencia) e a recepción das traducións son factores de interese para determinar a saúde do sistema literario. En palabras de Figueroa (2002: 56), a tradución “constitúe un banco de probas privilexiado para detectar prácticas culturais e a relación de forzas intersistémicas”. Para alén de describir os fluxos de tradución no sistema literario galego, é importante coñecer os condicionantes que propician eses intercambios.
Os antecedentes do período estudado da historia da tradución (1975-2020) en ámbito galego sitúanse, tras o Rexurdimento, nos inicios do s. XX. A cultura galega dótase daquela de estruturas culturais (Real Academia Galega en 1906) e organízanse movementos sociais e políticos (Irmandades da Fala en 1916, Seminario de Estudos Galegos en 1923 ou o Partido Galeguista en 1931), que procuran a dignificación da lingua e a cultura galegas. Durante a 2ª Republica española plebiscítase o Proxecto de Estatuto de autonomía de Galicia (1936), que gozou dun amplísimo respaldo nas urnas, e cuxa tramitación se inicia en xullo de 1936. O estoupido da guerra civil española imposibilitou o seu desenvolvemento, que terá que agardar ao cambio de réxime político (1975), mais confírelle a Galicia a súa lexitimidade como nacionalidade histórica.
A partir dos datos do catálogo BITRAGA, pódese singularizar o período iniciado en 1975 como o de maior volume de tradución literaria na historia da cultura galega, cunha gran diversificación de xéneros literarios traducidos e unha multiplicación exponencial dos espazos de tradución. É determinante para iso o proceso de normalización lingüística e cultural de Galicia, que ten por marco a cooficialidade do idioma galego (Constitución española, 1978), o seu status de lingua propia en Galicia (Estatuto de autonomía, 1981) e a súa normativa de uso no sistema educativo, administrativo, mediático e social (Decreto de bilingüismo 1979, Lei de normalización lingüística 1983, entre outras).
A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (1981) ou o Consello da Cultura Galega (1983) son entidades administrativas que estatutariamente serven de soporte ao desenvolvemento e á preservación da cultura galega. A súa actuación no campo da tradución materialízase en iniciativas como as axudas á tradución de obras cara ou desde o galego, o efémero Premio de tradución Ramón Cabanillas, o apoio por medio de convenios á Asociación de Tradutores Galegos (1985) ou a publicación dun Catálogo de obras galegas traducidas a outros idiomas (2003), dirixido por Carlos Casares. A ausencia dunha planificación institucional no campo da tradución deixa en mans do sector editorial a selección do catálogo segundo os gustos, sensibilidades e necesidades percibidas nas editoriais galegas e foráneas.
O novo milenio trae consigo unha serie de transformacións no panorama político. Promúlgase a Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia (2006), que establece ferramentas para unha política de internacionalización da cultura galega, dotándoa de traducións, á vez que recoñece a súa importancia na promoción cultural. Por iso, o goberno autonómico realiza un esforzo no apoio á tradución no período 2005-2009, que se viu despois truncado tras un novo cambio de goberno. Aínda que as medidas propostas na lei (Consello Asesor do libro, Congreso trianual do Libro galego, premio á tradución) non se desenvolveron en toda a súa potencialidade, viñéronse producindo transformacións de relevo no sector editorial con respecto á tradución, que merecen atención. A crise económica de 2008 tivo un impacto negativo na produción editorial e nas medidas institucionais de apoio á tradución, que diminuíron notablemente.
Panorámica xeral da tradución galega contemporánea
A partir de finais de 1975, a tradución ao galego entra no que Lema (2009: 128) denomina fase comercial ou de aumento da produción. Amplíase o mercado do libro galego como consecuencia da cooficialidade do idioma. Neste período abórdanse varios retos, o primeiro deles é dotar de lecturas o sistema educativo, o que leva a importar textos literarios especialmente de literatura infantil e xuvenil (LIX) e á hexemonía da novela para cubrir o baleiro de produción derivado da represión lingüística e cultural durante a Ditadura franquista. Un segundo reto asumido é a constitución dun catálogo de traducións clásicas, que acheguen capital simbólico ao repertorio en construción. Por último, o catálogo de traducións debe ser atractivo, polo que se procura publicar traducións de textos recentes e exitosos para un público adulto cada vez máis esixente.
Unha comparación dos datos de edición en galego (extraídos da base do ISBN, que inclúe todos os libros editados en galego, non só os literarios) con respecto ás traducións a e desde o galego de 1975 a 2020 (datos de BITRAGA) serve para determinar que a tradución literaria na cultura galega representa o 10,49% do total de obra editada en galego e para evidenciar as traxectorias paralelas de creación e tradución.
![]() |
![]() |
A literatura traducida a ou desde o galego entre 1975 e 2020 suma na base de datos BITRAGA un total de 6164 obras, das que 4032 son literatura traducida a galego (tradución directa) e 2132 son obra galega traducida a outras linguas (tradución inversa), cada unha das direccionalidades teñen diferentes ritmos de produción.
Os fluxos de tradución presentan esta etapa como a de maior tradución literaria en formato libro da historia da cultura galega. O seu volume por décadas difire segundo a direccionalidade. En ambos os casos as máis altas cotas de tradución sitúanse no novo milenio, tanto inversa (497 en 2001-2005), como directa (1235 en 2006-2010), polo que cabe establecer unha subetapa da tradución literaria galega a partir do ano 2000. O volume de inversa é sensiblemente inferior ao de directa en todos os lustros e a súa proporción rexistra unha media de 34,72% de inversas sobre o volume total de traducións, é dicir, de aproximadamente un terzo.
En canto aos espazos, a cultura galega traba relación con outras culturas a través da tradución literaria. En BITRAGA recóllense orixinais en 36 linguas distintas que foron traducidas ao galego e traduciuse obra galega a 41 linguas. Os intercambios son bidireccionais en 46 casos e nalgúns é un diálogo consolidado e continuo. A tradución ten lugar, sobre todo, con culturas expresadas en 10 linguas orixinais. O 92,11% das traducións a galego e o 92,12% das traducións de obra galega realízanse desde ou cara a estas 10 linguas.
![]() |
A tradución literaria presenta un saldo bastante equilibrado entre directa e inversa no espazo ibérico (español e catalán) e moi positivo no caso do eúscaro e do asturiano (de maior importación que exportación). As traducións do portugués son menos, quizais polas reticencias das editoriais a investir recursos na tradución de obras portuguesas, comprensibles para o público galego ilustrado (Vilavedra 2015). Con todo, esta regra non rexe para as traducións inversas ao portugués que, por tratárense mormente de obras de LIX, necesitan de tradución ao portugués.
O elevado volume de tradución ao galego desde as principais linguas europeas (inglés, francés, alemán e italiano) configura un catálogo de grandes obras da cultura europea, clásicas e contemporáneas, que achegan valor simbólico ao sistema literario galego. Grazas ás traducións deste período (1975-2020) é posible ler en galego a Shakespeare, Joyce, Hemingway pero tamén a Auster e a Coetzee; a Rabelais, Flaubert, Apollinaire, ou a Sagan, Nothomb e Carrère; a Goethe e Rilke ou a Zweig e Grass; a Petrarca, Allighieri ou a Calvino e Pavese. Estes nomes, xunto a moitos outros, simbolizan o esforzo tradutor desenvolvido durante este período por traer ao galego as referencias centrais das principais linguas maioritarias na cultura internacional. De todos eles, antes de 1975 só se traducira algunha obra de Shakespeare (A traxedia de Macbeth, trad. Fernando Pérez-Barreiro Nolla en 1972), ademais dun fragmento do Ulysses en 1926 (Luna 2022). Pola súa banda, as traducións do danés e do neerlandés, son principalmente do xénero LIX, de Grimm, Andersen e Ole Lund Kierkegaard (danés) e de Liesbert Sleegers, Guido Van Genechten ou Anke de Vries (neerlandés), entre outros.
![]() |
![]() |
| Szymborska traducida por Lucía Caeiro para Positivas [Fonte] |
Pamuk traducido por Aykan e Eva Almazán para Galaxia. [Fonte] |
Aínda que moi inferiores en volume, existen textos en galego provenientes doutras 26 culturas, algunhas das cales se incorporaron a partir de 1975. Ese é o caso das 25 traducións do xaponés, de obra de Ishiguro e Kawabata (premios Nobel) xunto a outras autorías clásicas (Natsume) e, sobre todo, contemporáneas (Takeyama, Sugitani, Yoshimoto, Haruki Murakami, Kitano, Kobayashi ou Nakae), de LIX (Matsuoka, Nakano e Miyazawa) ou de manga (Yoshino e Kodaka). Tamén se traducen por primeira vez obras desde o húngaro, de teatro (Imre Madách) pero sobre todo de narrativa (Márai, Kosztolányi, Farkas, Dragomán e Krasznahorkai) e de LIX (de Mariann Márai). Incorpórase neste período a literatura norueguesa con referencias clásicas (Ibsen), de LIX (Sortland, Newth, Gaarder e Nesbø) e do premio Nobel Hamsun. Tamén as letras polacas son traducidas ao galego, tanto poesía (Szymborska, premio Nobel), como de narrativa (Zaniewski, Mrozek, Szczygiel, Krasicki ou Tokarczuk).
A literatura turca ten a súa porta de entrada en Galicia nas sucesivas traducións de seis obras do premio Nobel Orhan Pamuk, así como na poesía de Emre, ademais dalgún relato de LIX (de Shahinkanat). Outra das literaturas que se traduce por primeira vez ao galego na democracia, é a serbia, por obra de Jairo Dorado Cadilla, que trae ao galego a obra de Andrić (premio Nobel) e doutros narradores (Kis, Albahari, Šćepanović e Glišić). Este mesmo tradutor é responsable tamén de verquer ao galego dúas obras en croata (de Mlakić e Drakulić), xunto a outras tantas de LIX (de Junakovic e Basic). Aínda que de modo moi minoritario, a poesía é o nexo de unión con outras culturas. Publícanse, así, por primeira vez obras de poesía guaraní (de Susy Delgado en 2008) e antoloxías de obra en mapuche, en galés, en macedonio e en occitano. A narrativa popular tradúcese do sánscrito, e tamén do hebreo do que, ademais das traducións bíblicas ao galego (galardoadas co Premio Nacional de Traducción 1990), edítanse traducións do narrador Etgar Keret. De Corea non se rexistra máis que unha obra traducida do xénero LIX, de Kwon.
En definitiva, a cultura galega viuse enriquecida entre 1975 e 2020 con obras literarias escritas en 36 linguas. Aínda que dez delas reúnen máis do 90% das referencias, é destacable que se traduciron por primeira vez neste período obras literarias doutras 14 linguas. Outras culturas (sueca, rusa, finlandesa, checa, islandesa, asturiana, bretoa, gaélica, sarda, árabe ou grega), das que xa había traducións, ampliaron o catálogo galego neste período con traducións, moitas delas realizadas directamente desde a lingua orixinal. Tradúcese obra clásica e vanse incorporando os premios Nobel, co consecuente incremento de valor simbólico, á vez que se explora a vía comercial, especialmente de LIX.
Os públicos e xéneros da tradución galega contemporánea
Para coñecer o desenvolvemento da fase comercial da tradución ao galego até 2010, son referencias ineludibles Mociño (2015), para a tradución de LIX; Vilavedra (2015), para a de público adulto; Fernández Rodríguez (2015) e Bragado (2013), no referido ao sector editorial; Vieites (2016) para teatro; Rábade (2016) para poesía e, por último, Luna (2015) para saber quen traduce e Montero (2015), para as políticas de tradución.
A panorámica de Galanes (2016) actualízase nesta contribución cos datos xa citados, que se completan coas seguintes gráficas. A análise conxunta da tradución directa e inversa por décadas segundo público permite ponderar o peso da LIX no sistema de tradución galego, así como a súa evolución.
![]() |
![]() |
A tradución de LIX foi o motor da tradución galega directa e inversa até hai unha década. A partir de 2005, aumenta notablemente a importación ao galego de obra para público adulto e tende a igualarse a tradución directa para ambos os públicos. Desde aquela, aumenta tamén o número de traducións inversas para público adulto, en detrimento da exportación de LIX, até o punto de ser esta menor en volumen que a inversa para adultos, o que apunta ao comezo da fase autónoma da tradución (Lema 2009). A tendencia de futuro camiña cara ao equilibrio das referencias de tradución para público adulto e as de LIX.
Para completar a panorámica resulta tamén pertinente coñecer cales son os xéneros que máis se traducen en ambas as direccións.
![]() |
En termos cuantitativos a narrativa concita maior interese mais, de modo relativo, a exportación da poesía galega é superior porcentualmente á importación de obras poéticas. A banda deseñada e o teatro son minoritarios na tradución galega.
Os datos cronolóxicos por décadas (1980-2020) destes xéneros (narrativa e poesía) con distinción de públicos deixan ver algunhas tendencias e, sobre todo, detectar o descenso da novela de LIX en beneficio da novela para público adulto.
Á vista dos datos é posible establecer unha periodización da tradución literaria galega nesta fase comercial. Unha primeira etapa de ritmo ascendente, na que se vai consolidando o sistema galego de tradución, que vai até o ano 2000. Unha segunda fase de gran crecemento, até o ano 2010, na que se acadan os maiores rexistros de tradución da historia, cun maior volume a inversa no período 2001-2005 e de directa entre 2006 e 2010. É posible formular unha terceira etapa (2010-2020), caracterizada por un retroceso no número global de traducións e un aumento de obra traducida para público adulto en ambas as direccións en detrimento da novela LIX.
Fase comercial. Consolidación do sistema galego de tradución (1975-2000)
Na tradución de obra estranxeira a galego, o circuíto comercial é a vía masiva de incorporación de referencias ao catálogo, dada a crecente demanda de lecturas en galego para o ámbito educativo. A iso responden as traducións para público LIX que se realizan en todos os xéneros, especialmente en narrativa (Mociño 2015).
No referido á banda deseñada, son pioneiras as traducións da serie Astérix e Obélix de Goscinny de 1976-1978 da man de Juan Blanco-Amor, mormente, e do seu irmán o escritor Eduardo Blanco-Amor, publicadas na editorial valenciana Mais-Ivars. Estas obras serán retraducidas despois e publicadas na histórica editorial Galaxia versionadas por Antonio Pichel Lorenzo, en Xerais de Galicia por Valentín Arias, Francisco Xavier Senín (Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020) e pola tradutora, Isabel Soto. Estes últimos tamén realizan nos nosos días as traducións a galego de Astérix para as editoriais Salvat e Bruño. O mesmo carácter iniciático tivo a tradución da serie de Tintín de Hergé, que realiza o prolífico tradutor Valentín Arias entre 1982 e 1991, ou a versión galega das tiras de Mafalda (de Quino) de Ramón Reimunde Noreña en 1984. Hoxe é posible ler en galego 25 obras de Goscinny e 23 de Hergé, en diversas retraducións e editoriais.
![]() |
| Xela Arias [Fonte] |
Na década de 1990, en paralelo ao auxe da creación de novela gráfica en Galicia (banda deseñada), traducíronse algunhas outras referencias deste xénero, especialmente por iniciativa da editorial Xerais, que publica obras de Kuijpers (serie Franka, cinco volumes traducidos por Xela Arias, tradutora e autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021 e María Xesús Lameiro, entre 1990-1992), Dodier (serie Bloch, tres volumes en tradución de Moncha Fuentes,1990-1991), Wasterlain (serie As aventuras de Gill e Georges, dous volumes traducidos por Henrique Harguindey en 1990) xunto a obras do mesmo xénero de Seron, Bourguignon, Bendis, Foreman etc.
No tocante á narrativa, séguense traducindo obras de valor filolóxico (Lema 2009 e Luna 2022), como as de Dante e Petrarca, realizadas por Darío Xohan Cabana, que foron obxecto de galardón, mesmo en Italia. Pero, neste período a atención céntrase principalmente nas obras clásicas contemporáneas, pois moitas delas se publican en galego ás veces en coleccións de LIX. Nese sentido é representativa a colección Xabarín da editorial Xerais, en cuxo catálogo se dan cita entre outros: Verne, Conan Doyle, Twain, Defoe, Stevenson ou Swift, pero tamén, Castelo Branco, Lovecraft, Poe, Calvino, Wilde, Leroux, Le Clézio, Tournier ou Stocker, (1992) adaptados ao público xuvenil (é dicir, con introdución, anotacións, biografías etc.). A política editorial de situar en coleccións de xuvenil obras non destinadas a ese público orixinariamente foi práctica frecuente entre 1980 e 2000, dada a alta demanda de lecturas do sector educativo. Chegouse a publicar a Kafka na colección de Infantil e Xuvenil de Sotelo Branco (1991); na colección xuvenil Costa Oeste de Galaxia pódese ler en galego a Herman Hesse (traducido por Franck Meyer en 1997 e 2000), a Steinbeck (1990, 1997) ou a Paulo Coelho (1998, 2000) e na colección xuvenil Fóra de xogo de Xerais pode lerse a Bradbury (2004, 2005).
De modo paralelo, estes clásicos contemporáneos tamén chegan ás coleccións de adulto (Literaria, Narrativa, etc.), xunto a autorías coetáneas. As editoriais galegas inician o camiño de construír un catálogo de lecturas de autorías universais. Nesa época Xerais inclúe, entre outras, obras de Anne Philipe, traducidas por Xosé Manuel Beiras (1988) e por Raquel Villanueva (1989); de Viale Moutinho (1993), por Xela Arias. Galaxia publica a Camus en galego en 1989 (trad. de María Dolores Cabrera); a Duras e a Saint-Exupéry (1989), da man de Valentín Arias, a Pavese (1989) ou Buzatti (1991), na voz de Rodríguez Baixeras; a Sartre (1989), traducido por Proupin; a Gide (1990), por Leandro García Bugarín; a Levi e Sciascia, por Silvia Gaspar (1991); a Huxley (1996), por Anxo Romeu Louro e a Dostoievski (1998), pola profesora rusa Alexandra Koss. En Edicións do Cumio ven a luz en galego, Perec (1991), traducido por Gonzalo Navaza; Sagan (1991), por Raquel Villanueva; Camus (1991), por Valentín Arias; ou Caillois (1992), por Xesús González Gómez. Tamén contribúen a ese catálogo outras editorais nadas na década de 1990, como Edicións Positivas, que publica por primeira vez en galego a Quim Monzó (1992), traducido por Manuel Marqués; a Orwell (1992), por López Dobao (1992); a Mercé Rododera (1995), por Pilar Vilaboy; a Tabucchi (1996), por Onofre Sabaté; a Conrad (1997), por Manuel Outeiriño; ou a Yourcenar (1999), por Ánxela Gracián. A editorial Sotelo Branco edita as primeiras traducións galegas de Sterne (1993), da man de Manuel Outeiriño; de Virginia Woolf (1993), por Manuela Palacios ou de Auster (1996), por López Dobao. Do mesmo xeito que a editorial Laiovento, que foi pioneira en publicar a Anatole France (1996), traducido por Rafael Chacón ou a Apollinaire (1999), por Alberte Allegue. Pola súa banda, Tambre (Grupo Edelvives) publica unha tradución de Böll (1993), realizada por Laureano Araujo.
A partir de 1990, as editoriais diversifican a súa oferta a través de coleccións autoriais ou de xénero, como signo da súa consolidación. Edicións do Cumio crea a colección Cómplice de novela policíaca (1989) para obras de creación e traducións deste xénero. Xerais lanza a inicios de 1990 as coleccións Grandes do Noso tempo e As literatas en 2000, esta última dirixida por María Xosé Queizán. Galaxia crea Clásicos, en colaboración coa Xunta de Galicia, como espazo de traducións. Inícianse tamén en Galaxia as coleccións autoriais, Biblioteca Sherlock Holmes (1995), con obras de Doyle en galego, algunhas destas publicáranse antes noutras editoras (en Xabarín de Xerais e en Positivas). Nace, tamén, a colección Agatha Christie (2000) de Galaxia.
No que se refire ao xénero poético, nesta etapa continúase coa tradución de poesía grecolatina da época anterior (Luna 2022). Na década de 1980 tradúcese A Ilíada, a Odisea ou a Anacreonte, da man de Florencio Vaamonde Flores, Xosé Manuel Otero ou Evaristo de Sela. Tamén se publican en galego clásicos universais, como Dante e Petrarca, traducidos por Darío Xohan Cabana; Rilke, por Lois Tobío; Apollinaire, por Henrique Harguindey e Kayyam, na voz de Plácido Castro. Recupéranse así as traducións de destacados galeguistas, como Delgado Gurriarán, Lois Tobío ou Plácido Castro, que en tempos de exilio continuaran o labor da Xeración Nós (Fernández Rodríguez 2022). Unha mostra da importancia destes tradutores son os actuais galardóns que levan os seus nomes, Premio de Tradución Lois Tobío da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega e o Premio de tradución Plácido Castro. A tradución de clásicos universais continúa con puxanza na década de 1990, tamén na poesía. A editorial Espiral Maior (1991) é un actor fundamental no panorama poético, que dá á luz novos textos de Valéry, Joyce, Rilke, Leopardi ou Dante Alighieri, en voz do tamén poeta Avilés de Taramancos, Elvira Souto, Jaime Santoro, Suso Pensado ou Darío Xohán Cabana, respectivamente. A década de 1990 tamén trae a modernidade á poesía, Edicións Positivas publica a Bukowski traducido por Xosé García Sendón (1993) e nace a colección de poesía Ablativo Absoluto de Xerais, que publica en 1996 a Heany traducida por Vicente Araguas ou a Sandra Cisneros (1997), pola académica Marilar Aleixandre.
En resumo, as editoriais de ámbito galego asumen o reto de dotar de lecturas o sector educativo e cultural e crean un catálogo de autorías clásicas contemporáneas, nunca antes traducidas ao galego. Salvo contadas excepcións, realizan esas versións escritoras/es e intelectuais para unha ou outra editorial, teñen a tradución como segunda ocupación. Un mesmo autor/a pode ser traducido/a por diferentes persoas, conforme a obra e editorial de que se trate.
A partir de 2000, aparecen os primeiros signos de madureza do sistema de tradución no sector editorial. As editoriais seguen completando o catálogo clásico contemporáneo con novas autorías como Kerssman en 2001, traducida por Emma Lázare; Zweig en 2004, por Patricia Buján e Saleta Fernández ou John dos Passos, por Mercedes Pacheco (2005). Tamén se inclúen novas obras de autorías xa traducidas como Kafka, O proceso (2003), por Luís Manuel Fernández Rodríguez; Conrad, Tifón (2005), por Xavier Queipo, ou tamén Rabelais, Flaubert, Balzac, Goethe, Dumas, Wells, Boris Vian, etc. Estes esforzos vense complementados cunha iniciativa asociativa, a Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego, desenvolvida pola Asociación de Tradutores Galegos (ATG) desde 2000. Esta liña de edición de clásicos ten a súa síntese na reedición en papel dalgunhas destas traducións na colección recompilatoria Biblioteca Galega de Clásicos Universais (2005-2006) promovida polo diario La Voz de Galicia, que puxo no mercado corenta destas traducións anteriores a 2000 a un prezo reducido e orientadas, agora, a un público adulto. Estas autorías seguíronse traducindo e mesmo retraducindo até os nosos días, en coleccións adecuadas ao público da obra orixinal. Destacan nese sentido a creación da colección Grandes mestres (2005) de Xerais, a colección Clásicos universais (2005) de Galaxia, á vez que se reorganiza en 2008 a serie de LIX, rebatizada como Xabaríl, da que se retiran determinados títulos orixinariamente dirixidos a un público adulto.
Outro signo de madureza é a publicación de traducións coetáneas aos seus orixinais que se inicia timidamente no primeiro lustro do s. XXI coa publicación de A viaxe de Baldassare (2000) de Maalouf en tradución de Xavier Queipo e de Dolores Torres París, publicada o mesmo ano ca o seu orixinal; de Amélie Nothomb, Un nome de diccionario (2003), traducido por Dolores Vilavedra un ano despois do orixinal; Un tranvía cara a SP (2003) de Unai Elorriaga, traducido por Ramón Loureiro, tras ser galardoada a obra co Premio Nacional de Narrativa en 2002; O fillo do acordeonista (2003) verquido por Ramón Nicolás ou Tristano morre (2004) de Tabucchi, en voz de Leandro García Bugarín, ambas no mesmo ano que a obra orixinal. A esa nova necesidade de actualización do catálogo de traducións, para ofrecer lecturas contemporáneas responde tamén a colección Biblioteca Compostela de Galaxia, que desde 2005 publica a Camilleri (2005), a Amis e Paul Auster, traducidos por Eva Almazán (2006); ou a Muriel Barbery (A elegancia do ourizo) en 2008, por Dolores Torres París, entre outras referencias coetáneas. Resulta sintomático nestes primeiros anos, que editoriais foráneas asuman a tradución galega de best-sellers coma O código Da Vinci (2004), Anxos e demos (2005) ou O símbolo perdido (2009), de Dan Brown, publicados pola barcelonesa El Aleph, en versión dun trío de egresados/as en Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo (Carlos Acevedo, Eva Almazán e Fernando Moreiras). No campo da LIX, a tradución da serie Harry Potter, en 2002 en virtude da colaboración de Galaxia coa editora Salamandra, inscríbese nesta mesma estratexia de actualización do catálogo. As súas traducións son obra da escritora Marilar Aleixandre (volume 1) e do equipo de profesionais formado por Eva Almazán, Carlos Acevedo e Laura Sáez, nos seguintes volumes
A inserción no mercado das primeiras promocións da licenciatura en Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo ou do seu Máster interuniversitario de edición propicia a profesionalización da tradución literaria en Galicia no novo milenio. Estes/as profesionais comezaran a asinar traducións de obra estranxeira nos catálogos das editoriais galegas, como Moisés Rodríguez Barcia, Ánxela Gracián, Fernando Moreiras, Carlos Acevedo, Eva Almazán, Patricia Buxán, Lara Domínguez Araújo, Jairo Dorado, María Reimóndez, Celia Recarey ou Laura Sáez e, algúns/nhas, póñense agora á fronte de novos proxectos editoriais nos que a tradución ocupa un lugar central.
A especialización no sector editorial no referido á tradución é a marca desta subetapa, que se reflicte no nacemento de editoriais innovadoras. No ámbito da LIX, é salientable a creación de Kalandraka (1998) e de OQO editora (2005), ambas especializadas en álbum ilustrado, con enorme éxito e recoñecemento (Kalandraka ten publicacións no White Ravens e recibiu o Premio Nacional a la Mejor Labor Editorial Cultural en 2012, entre outros galardóns). Nese ámbito tamén edita Triqueta Verde (2009); Patasdepeixe (2008), dirixida pola tradutora Laura Sáez; El Patito Editorial (2007), especializada tamén en novela gráfica, do mesmo xeito que Cerditos de Guinea (2006) en manga. Nacen tamén outros proxectos e selos editoriais dedicados de modo exclusivo á tradución, como Rinoceronte Editora (2005) e o seu selo Sushi Books (2013), comandados polo tradutor Moisés Rodríguez Barcia; Faktoría K (2005); Urco Editora (2007), do tamén tradutor Tomás González Ahola; Hugin e Munin (2011), do tradutor Alejandro Tobar e Irmás Cartoné (2014), fundada polos tradutores/as Celia Recarey e Carlos Valdés. Noutros novos proxectos a tradución ocupa un lugar importante, coma en Bululú (2013), Tulipa editora (2018), a agora desaparecida Novo Vinilo ou Aira Editorial (2017). Na edición de ensaio, destaca a creación de Trifolium (2002) ou Catro Ventos (2016), por iniciativa, entre outros/as, da tradutora Patricia Buxán, e en poesía Chan da Pólvora (2016). Os/as emprendores/as que dirixen estes proxectos editoriais coñecen o sector, as súas carencias e as súas potencialidades, en tanto que profesionais da tradución. As principais innovacións que achegan son: apostar por xéneros especializados (álbum ilustrado, novela gráfica, manga ou literatura fantástica e de terror, como Urco); introducir novas fórmulas de internacionalización con edicións simultáneas en varias linguas (como OQO e Kalandraka en 6 ou 7 linguas); ensaiar novos modos de comercialización (edición baixo demanda e subscrición, Luna 2019); importar obras de espazos culturais descoñecidos até o momento na literatura galega (Rinoceronte); publicar obra de autorías recoñecidas, inédita en galego (Hugin e Munin; Faktoría K ou Irmás Cartoné) e promover a tradución directa (sen linguas intermedias) realizada por profesionais. Estas novas empresas simbolizan a innovación e a introdución de novos discursos.
![]() |
![]() |
| Harry Potter traducido por Marilar Aleixandre para Galaxia. [Fonte] | Tolkien en galego en tradución de Moisés R. Barcia para Xerais. [Fonte] |
O seu papel na ampliación de espazos fonte faise evidente na lista das linguas e culturas menos traducidas neste período. Algunhas destas editoras son as primeiras en publicar en galego obra do aranés (Morte en Arán 2019 de Tòni Escala, traducido por Xabier Ron para Hugin e Munin); do sánscrito (Pañcatantra en 2017, por José Virgilio García Trabazo e Bhagavad Gītā en 2019, en tradución de Iván Sende, en Rinoceronte); do hebreo (Moncho Iglesias traduciu a Keret para Rinoceronte en 2006, 2010 e 2011) e do serbio e do croata, entre as que se atopa a obra do premio Nobel Andrić (A ponte sobre o río Drina, 2007, traducida por Jairo Dorado Cadilla). Pero ademais, son responsables da tradución galega de boa parte das referencias doutros idiomas menos frecuentes, nesas ou nas editoriais clásicas, como o árabe (en traducións de Moncho Iglesias); o xaponés, da man dos tradutores Mona Imai e Gabriel Álvarez Martínez; o islandés (Elías Portela traduciu unha decena das quince referencias islandesas para Rinoceronte, sagas, poesía e autores contemporáneos, como Syon); o finlandés (Tomás González Ahola e Tuula Marjatta Ahola Rissanen asinan boa parte das traducións desta lingua); o húngaro (Rinoceronte publica seis traducións entre 2006 e 2017, encabezadas pola tradución de Herbario de Sándor Márai, realizada por Fernando de Castro); o checo (con traducións sobre todo de LIX, como a serie do topo Krtek de Zdeněk Miler, realizadas por Jana Vavřinova e publicadas en Patasdepeixe); ou por último, do sueco, lingua da que Hugin e Munin, Sushi Books, Rinoceronte e Kalandraka editaron varias obras, entre as que destacan a tradución de Söderberg de Märta Dahlgren, os volumes de Pipi Mediaslongas, en tradución de David Álvarez Martínez e un relato de LIX de Åsa Lind.
Todo iso sen que as novas editoriais descoiden a tradución desde as dez linguas preferentes do circuíto europeo (español, catalán, inglés, francés, alemán, italiano, eúscaro, portugués, neerlandés ou danés), primando sobre todo a calidade e a incorporación de obras canónicas ás letras galegas. Sirvan de mostra as primeiras publicacións de Rinoceronte de autorías recoñecidas como Julian Barnes, Michel Houellebecq, Esgota Kristof, Bohumil Hrabal, Etgar Keret, Arto Paasilinna, Alessandro Baricco, Sandor Márai ou F. Scott Fitzgerald. Ou tamén as de Hugin e Munin, na que se traduce a Twain, Bukowski, Pasolini, Roussel, Verne, Asimov, Sartre, Conrad, Hammet, Chandler, Husvedt, Zola, Flaubert, Balzac, Mauriac, Wells, etc. Desa mesma lóxica participa Faktoría K, que incorpora ao catálogo galego a Boyne, Roth, Kerouac, Orwell, Ana Frank, ademais de literatura de xénero policial contemporánea (Fred Vargas ou Patricia Higsmith en tradución de Antía Veres e de María Alonso Seisdedos, respectivamente) e unha colección de ensaio sobre pedagoxía coas principais referencias (Piaget, Tonucci, Dewey, Freinet, Montessori, etc.). A pesar de seren editoriais creadas hai pouco máis dunha década, nos seus catálogos están presentes obras de autorías consagradas e premiadas, especialmente co Nobel (Andrić, Camus, Coetzee, Böll, Galsworthy, Deledda, Hamsun, Kawabata, Kipling, Solzhenitsyn, Singer, Sartre, etc.). A novidade nestes proxectos editoriais é, ademais da aposta por un catálogo de prestixio e actual, que a tradución se realice sen mediación por profesionais, excelentes coñecedores/as das culturas fonte.
A emerxencia de novos proxectos editoriais consagrados á tradución leva a outras editoriais galegas a reformular os seus catálogos e a buscar novas estratexias, como a tradución de autorías contemporáneas (como Murakami) ou a edición galega case inmediata da obra de premios Nobel. Unha boa mostra diso son as tres traducións de Murakami realizadas polo tándem de Mona Imai e o tradutor galego Gabriel Álvarez Martínez, ou tamén as seis traducións de Pamuk, publicadas por Galaxia (2008-2012), en versión de Bartug Aykan e Eva Almazán (O castelo branco 2007), Aykan e Lara Domínguez Araújo (Isthambul 2008) ou Aykan con María Alonso Seisdedos para os restantes volumes. En resumo, non só se lles confía a tradución a profesionais, senón que se crea equipo cunha persoa da nacionalidade da obra, privilexiándose así a tradución directa. Outra das innovacións é a tendencia a asignárense todos os orixinais dunha mesma autoría ao mesmo equipo de tradución.
![]() |
![]() |
![]() |
| Camus traducido por Isabel Soto e Xavier Senín para Hugin e Munin. [Fonte] | Murakami en galego en tradución de Mona Imai e Gabriel Álvarez para Galaxia. [Fonte] | Persépole en tradución de Eva Carrión para Rinoceronte. [Fonte] |
A exploración de novos xéneros chega á tradución da novela gráfica. Destacan pola súa actualidade varias versións galegas, como Persépole de Satrapi (en 2011 traducida por Eva Carrión del Pozo, Rinoceronte editora) ou Pyonyang (2018) de Delisle de cuxa versión galega é responsable Belén Pouton, para Rinoceronte. Realizouse tamén un esforzo por traer ao galego novelas gráficas adaptadas de autorías relevantes, como Cidade de Cristal de Paul Auster, adaptada ao formato novela gráfica por Paul Karasik en tradución do escritor e tradutor Xavier Queipo, para El patito editorial (2014), ou a máis recente adaptación de Dumontheuil da novela O bosque dos raposos aforcados de Paasilinna, realizada por Sergio Gómez Branco para Rinoceronte (2022). Destacan tamén polo seu valor simbólico, as dúas traducións de Maus (de Spiegelman) a primeira delas realizada por Diego García e editada en 2007 en Palma de Mallorca e a segunda en versión íntegra en 2017 en tradución de Ronsel Villar para Rinoceronte. A primeira tradución de manga ao galego publícase en 2008, con catro volumes da serie Bícame, profe de Kazuma Kodaka, para Edicións do Cumio en tradución de María do Carme Pampín Otero. En resumo, a tradución da banda deseñada insérese nun curta pero intensa tradución de banda deseñada galega e, do mesmo xeito ca narrativa, nos primeiros momentos eran traducidas por figuras do mundo literario e publicadas por editoras foráneas. Nas décadas posteriores son as editoras galegas, especialmente Rinoceronte, quen edita un xénero máis restrinxido, como a novela gráfica, da man de reputados/as especialistas e profesionais. As retraducións e as adaptacións son un bo exemplo desta evolución.
En definitiva, a emerxencia de novas editoriais ao redor de 2000, xunto á de mediadores/as profesionais capaces de realizar traducións directas de linguas ignotas antes na cultura galega (como o xaponés, o serbio, o croata ou o hebreo) dinamizaron o campo da tradución literaria galega.
A análise dos fluxos de tradución do sistema de tradución galego contemporáneo permitiunos establecer unha periodización interna, coñecer os ritmos, espazos e xéneros de tradución, detectar os axentes relevantes no proceso de normalización cultural e visibilizar as persoas que traducen, as casas de edición e as súas estratexias.
A relación dos datos de tradución cos avatares da cultura galega recente ofrece unha explicación razoada das necesidades detectadas, da resposta a estas e da construción dun catálogo de lecturas en diferentes fases e con obxectivos parciais diversos por parte das editoriais. A normalización cultural ten no estudo da tradución un banco de probas para detectar os retos, as distorsións do sistema e as tendencias culturais emerxentes. O paso da tradución filolóxica á tradución comercial singulariza o período que se abre en 1975. Os cambios estruturais máis importantes teñen lugar no novo milenio e a súa acción déixase sentir desde 2010 con signos dun cambio de etapa. A tendencia ao equilibrio entre tradución directa e inversa, a diversificación de xéneros, a ampliación de espazos de intercambio e a profesionalización da tradución apuntan cara a unha fase autónoma do sistema de tradución, no que a construción do catálogo comeza a funcionar con dinámicas semellantes ás que rexen en culturas máis desenvolvidas: demanda do público lector de obras coetáneas, de recoñecido prestixio e de xéneros actuais; un/a tradutor/a para toda a obra dunha mesma autoría; tradución de obra menor das grandes figuras; tradución de obras provenientes de espazos afastados, visibilidade na cuberta de quen traduce, etc.
A cultura galega conta hoxe cun sector editorial especializado, cun catálogo de traducións, clásicas e contemporáneas de calidade e cun cadro de tradutores/as profesionais con formación e iniciativa. Estes son os logros acadados polo sistema de tradución galego no período estudado de camiño a unha normalización cultural, pero con etapas pendentes aínda.
Potencial para a investigación
A relación entre tradución e promoción cultural é un tema de especial interese nun contexto de globalización cultural, especialmente en culturas emerxentes. A súa vertente académica, que se formaliza cos estudos de socioloxía da tradución, ofrece explicacións plausibles dos fitos da historia da tradución dunha cultura.
A súa aplicación no caso galego, ilústrase con datos do Catálogo de la Biblioteca de Tradución Galega (2004) do grupo de investigación BITRAGA, que de modo innovador permite contrastar os fluxos de tradución a e desde o galego. Os seus resultados ofrecen unha visión sistémica da Tradución galega contemporánea, que, máis aló da anécdota ou o caso particular, se materializou en diversas investigacións globais sobre a tradución directa, a tradución inversa e a tradución no contexto ibérico. Os datos son a base empírica necesaria para outros estudos parciais sobre a relación bilateral da cultura galega con outras comunidades, sobre a tradución de determinados xéneros e para a contextualización de certas autorías e obras.
Só sobre a base de datos de tradución comprobados e das análises sistémicas será posible emprender outras liñas de investigación que exploren o papel das antoloxías, as retraducións, os novos soportes de tradución (adaptacións ao audiovisual, tradución escénica, etc.), o papel da tradución na promoción cultural global e as políticas de tradución.













